María Pita dará a benvida de novo aos participantes do CERVH
Na mañá de hoxe martes, 4 de outubro, tivo lugar na Deputación da Coruña a presentación oficial desta nova edición do RALI HISTÓRICO RIAS ALTAS.
Coa representación da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os concellos de Aranga, Betanzos, Irixoa e A Coruña, presentouse a oitava edición da concentración. Germán Castrillón e Ernesto Rumbo como representantes do Comité Organizador foron os encargados de desglosar todos os detalles do evento, que un ano máis consegue contar cunha excelente lista de inscritos tanto en calidade como en cantidade.
Cun programa de dúas etapas, venres e sábado, nas que se percorrerán dúas veces os catro tramos cronometrados que conforman o itinerario. Tramos con moito historial e que permanecen sen cambios con respecto ao ano pasado.
A gran novidade reside na volta á praza de María Pita como punto de partida e chegada dos participantes. O cambio de localización, motivado polo cumio hispano-alemán que se celebra esta semana na cidade, fixo que este emblemático lugar volva formar parte da carreira e acollerá o venres pola tarde a cerimonia de saída e, por suposto, a entrega de premios. e trofeos o sábado a partir das 16:00 h.
A inspección terá lugar o venres pola mañá no Paseo do Parrote, onde os afeccionados poderán ver de preto os vehículos de todos os participantes. Dende alí, entrarán na Praza de María Pita onde permanecerán ata as 16.00 horas, cando se dará o sinal de saída.